ES · GL · EN
Nico G. Naval

Biografía

Son trompa principal da Orquestra Sinfónica de Galicia dende 2020, aínda que a miña relación con esta orquestra vén de antes. A miña formación levoume por Madrid, Londres e Estocolmo, e tiven a sorte de compartir atril con orquestras e músicos que admiro profundamente. Sigo aprendendo cada día, tanto sobre o escenario coma na docencia, que é outra das miñas grandes paixóns.

Trompa principal da Orquestra Sinfónica de Galicia dende o ano 2020 e principal asistente con anterioridade dende o 2015. Anteriormente foi membro da Royal Stockholm Philharmonic Orchestra no posto de trompa tutti. Nos últimos anos colabora como trompa principal con orquestras de primeiro nivel internacional coma a Orchestra Mozart de Bologna, Mahler Chamber Orchestra, BBC Scottish Symphony Orchestra ou The Cleveland Orchestra, así como noutras formacións nacionais coma a Orquestra Sinfónica de Castela e León, Orquestra de Extremadura ou a Orquestra Nacional de España.

Licenciado con matrícula de honra no Conservatorio Superior de Música da Coruña e diplomado en Master of Arts, pola Universidade de Londres, na Royal Academy of Music grazas a unha bolsa da ABRSM. Completa os seus estudos na Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid cunha bolsa da Fundación Albéniz, sendo condecorado como o alumno máis sobresaínte da cátedra de trompa no ano 2013.

Son importantes na súa formación os mestres Rodolfo Epelde e Radovan Vlatkovic en Madrid, Richard Watkins e Michael Thompson en Londres, e fundamentais nos seus inicios como trompista, Delio Represas e Benjamín Iglesias.

Foi becado, tamén, pola Fundación JONDE-BBVA para recibir leccións privadas da prestixiosa trompista noruegesa Fröydis Ree Wekre.

Goza dunha importante educación orquestral sendo membro da EUYO e da GMJO, participando en varias xiras por Europa e Norteamérica. Formou parte, tamén, da JONDE e da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, onde inicia os seus estudos orquestrais da man dos profesores José Vicente Castelló, David Bushnell e Mike Garza.

No campo da música de cámara participa en importantes festivais internacionais, coma o Encontro de Música e Academia de Santander, o MMCJ en Yokohama ou a Mahler Academy en Bolzano.

Foi premiado en diferentes concursos a nivel internacional, podendo destacar o primeiro premio e premio do público na sétima edición do International Wind Competition do Conservatorio de Moscova, o segundo premio no Chieri International Competition 2015 ou o segundo premio ex aequo e premio do público no International Instrumental Competition Markneukirchen de 2016. Así mesmo, foi semifinalista no 65th ARD Music Competition de Múnic, recibindo o premio Bärenreiter Urtext Prize.

No eido da docencia, colabora en numerosos festivais e cursos impartindo clases maxistrais, entre os que se poden destacar o Hércules Brass de Celanova ou o Festival Numskull de Caudete. Tamén exerce como profesor na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, preparando as novas xeracións de vento metal.

Como solista, tivo a oportunidade de interpretar o Concerto nº 1 op. 11 de Richard Strauss coa Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, ou o Concerto nº 4 K.495 de W. A. Mozart coa Orquestra de Caserta no festival Autunno Musicale de 2017 en Italia. Tamén tocou, xunto ao seu compañeiro David Bushnell e a OSG, o concerto para dúas trompas en Mi bemol maior de A. Rosetti (atribuído a J. Haydn).

En xuño de 2022, estreou, coa OSG, o concerto para trompa e orquestra de corda do compositor Carlos López García-Picos.

Recentemente tivo a oportunidade de tocar a Serenata op. 31 de Benjamin Britten para tenor, trompa e orquestra de corda, xunto ao afamado tenor británico Ian Bostridge e a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixidos por Roberto González Monjas.