Quecer ou non quecer?
Técnica · Aprendizaxes
A miúdo atópome con alumnos que, ou ben non quentan, ou non saben como facelo. Non saben que buscar, que exercicios facer, caen na rutina de facer sempre o mesmo ou, directamente, traballan técnicas sen un sentido claro. E é aí cando xorde a pregunta: que é un quecemento e para que serve?
A realidade é que a resposta a esa pregunta é sinxela, pero non así a explicación, polo menos baixo o meu punto de vista.
Para min, un quecemento é axeitado cando nos prepara para executar o noso instrumento da mellor maneira posible e en condicións óptimas, no menor tempo posible. Iso é un quecemento produtivo.
Ata aquí é sinxelo. Agora ben, que facemos para que isto aconteza?
Ao longo da miña, de momento, curta carreira, fun experimentando cambios á hora de facer o quecemento. Pasei por etapas nas que precisaba moito tempo, outras nas que necesitaba certos exercicios e incluso outras nas que nada parecía axudar realmente.
Pero, co paso dos anos, a acumulación de experiencia e análise, tanto de min mesmo como doutros músicos, leváronme a tomar conciencia do que realmente preciso buscar durante o quecemento. E non son máis que tres principios básicos:
1. Acondicionamento físico e xeral.
2. Chequeo dos fundamentos técnicos.
3. Preparación mental.
1. Acondicionamento físico e xeral
Parto sempre da premisa de escoitar e sentir o meu corpo e acondicionalo se este non se atopa nas mellores condicións.
Adoito atopar pequenos impedimentos como unha caixa torácica pechada ou falta de flexibilidade; contracturas ou tensións musculares, especialmente nas costas, no pescozo ou nos brazos; e labios inchados, con dificultade para xerar vibración.
Os exercicios de aire solucionan rapidamente o primeiro problema. Os estiramentos adoitan aliviar o segundo e, para o terceiro, podemos empregar un pouco de xeo, nunca de forma directa, ou, de maneira menos agresiva, exercicios sinxelos de vibración de labios sen bocal.
Trátase dun chequeo. Normalmente atópome ben e non preciso empregar moito tempo nesta fase.
2. Chequeo dos fundamentos técnicos
O seguinte que fago é, xa co instrumento, repasar os fundamentos técnicos básicos, que son a flexibilidade, as emisións, as articulacións e a sincronización.
Lembremos que é un chequeo, polo que non é preciso gastar moito tempo en nada concreto. Non estamos estudando.
De feito, recomendo encarecidamente facer exercicios que integren todos os fundamentos. Por exemplo, as escalas.
Só no caso de ver que algo non funciona ou que nos custa máis do normal podemos —e debemos— deternos niso.
3. Preparación mental
Por último, a preparación mental tamén é importante. Saber a que nos imos enfrontar, ter as cousas claras, relaxarse e non afogarse, falarse ben a un mesmo... Son moitas as técnicas mentais que poderían ter un capítulo aparte.
Non sempre temos que tocar o mesmo e, consecuentemente, non debemos preparar a nosa mente da mesma maneira.
En resumo, o quecemento produtivo para min é aquel que me prepara, en todos os aspectos relativos á execución do meu instrumento, para desempeñarme da mellor maneira posible e en óptimas condicións, no menor tempo posible. Porque non sempre imos ter todo o tempo que desexamos.